ENTREVISTA “O LOITO”.
Entrevista a Mª del Carmen Queijeiro Aldao, nada o 20 de Febreiro do 1944 no lugar do Campo da Porta, Lendo, A Laracha, A Coruña. Domingo 17 de Novembro do 2024.
C: Como era a caixa do defunto se este era un neno? Foi sempre branca ou antes era unha cuestión dun maior nivel económico?
MC: A caixa do defunto, a dos nenos pequenos, era branca. Xa foses máis rico ou máis pobre, a dos nenos pequenos era branca. E levábana outros nenos así agarradiños das asas. E levaba uns lazos colgados, e eses lazos dábanllos despois aos nenos que levaban a caixiña.
Eu de nena teño levado o cadaleito, así polas asiñas, de nenas. E os que eran de nenos levábanos os nenos.
C: Había diferenzas entre homes e mulleres ao gardar o loito?
MC: Gardaba o loito o home coma a muller, e a muller coma o home. Ao home poñíaselle unha cinta na solapa da chaqueta. E na manga tamén. Tanto se lle poñía a uns na solapa e a outros na manga, ou un botón. Despois o último xa era un botón. Todo igual durante os tres anos de loito. O meu tío, o de aí de arriba, o que acordo eu, que tiña botón da camisa negros de arriba a abaixo. A camisa branca que levaba á feira, e a de día tamén. Pero as novas tamén, de botóns negros de arriba a abaixo. Diso acordo eu, era eu nena e quedara viúvo novo.
C: Canto duraba o loito rigoroso? Cando chegaba o alivio e que cores podían usar?
MC: Ao que pasaban así dous anos, xa ían quitando facendo o alivio. Eu acordo que as mozas tiñan os vestidiños negros, despois así as veiras, unhas veiras brancas polos petos, uns botonciños brancos e veiriñas brancas. Podíase usar morado escuro, pero despois xa o ían quitando de todo; ao poñer iso de alivio que poñían esas tiriñas xa o quitaban de todo.
C: Como era roupa do día a día?
MC: Pola semana usábanse roupas con rachados e remendos. A roupa estaba feita de ghéneros como a outra. A de “mellore”, era un pouquiño mellor o ghénero, e a de cada día un pouco máis ruín, así as telas. Pero negras.
C: As mulleres chegaban a sacar o loito?
MC: Había mulleres que non chegaban a sacar o loito. Xa fose polos fillos, polos homes non sacaban máis o loito. A elas se lles morría o home seguían, se cadra, toda a vida. E se era unha rapaza nova e volvía casar sacaban o loito. A miña avoa Dolores que casou tres veces, pero eu non sei como vestía. Cando foi do último acordoa de loito. Pero eu non me acordo ben, porque case non a coñecín. Estaría de loito o mesmo, mais casaríase igual. Eu non me acordo como tiña a roupa que aínda case non a coñecín hasta que o tivo do último home.
C: O loito sempre se gardou coa cor negra ou estivo vinculado a outra?
MC: O loito sempre foi negro. O branco so se levaba na camisa dos homes cos botóns negros. E despois xa os quitaban. Tamén había quen levaba a gravata negra en lugar dos botóns, e senón a cinta na solapa da chaqueta ou o lazo no brazo. Iso facíase ata pasados uns anos, aínda ás veces si que poñían camisas negras.
C: Tinguir a roupa era habitual tamén entre a xente rica?
MC: Ai! Eu non sei nada da casa dos ricos, pero os de aquí da aldea tinguían todos a roupa de negro. Facían un lote de roupa, algunha aínda a estragaban. Tinguían roupa que despois non valía nada porque era máis delicada.
C: Repudiábase á xente que non facía o loito?
MC: Non, non! Aquí non houbo nada diso! Aquí todo o mundo gardaba o loito.
C: Obrigaba a igrexa ou o goberno a gardar o loito?
MC: Aquí ninguén te obrigaba. Cada un xa andaba polos seus. Nin o cura nin ninguén che obrigaba. Cada un poñíao o tempo que quería. E poñíanllo aos nenos. Aos nenos pequenos tamén.
C: O loito duraba o mesmo sempre ou variaba segundo a vinculación co defunto?
MC: O ano de loito cumpríase, pero despois foise perdendo. Polos avós facíase nada máis que 6 meses. Os nenos facían o loito polos avós, facían. E os mozos e as mozas tamén. Non era coma agora que van para o baile ao momento de morrer os pais. Eu lembro a Josefa de Faqué, que ía de loito sempre, si. Recordo tamén a estes de Ghanderiño que viña de morrerlle a irmán, e eran nenos do meu tempo, e viñan de negro cas outras xa eran máis mozas. E os de “acolá” da Marecha de Lista, que lles morreu o pai sendo nenos pequenos. Pero de Josefa xa eran tempos máis novos (NT: mediados da década de 1960 ou comezos da década de 1970). Os nenos facíano polos pais, polos irmáns… E a Josefa morréralle o pai e o irmán moi seguidos, e recórdoa sempre de loito e iso que neses tempos xa non se facía tanto. Entón os nenos tamén gardaban o loito, non sei o tempo que o gardaban, pero gardar, gardaban. Mais sacábanllo antes que aos adultos. Vestíanos de negro polo menos seis meses ou un ano, cada un vestíaos o tempo que quería. Os da Marecha acórdome eu que andaran tres anos, eh! Tres anos!
C: Como era a roupa de traballo?
MC: A roupa de traballo tamén era negra. Tinguíase todo. Os panos da cabeza, aínda que fósemos nenas, andábamos con panos á cabeza. Aínda que non houbese loito, levábamos os panos á cabeza. Que era unha cousa ben fea...
C: Como era o velorio?
MC: O velorio era na casa. Co morto na casa. O que tiña un piso enriba, no piso. E o que non tiña piso, embaixo. Anque sexa na lareira ou no pote. O tanatorio aquí nas aldeas foi algo recente. Daquela o que quería ir chorar polos seus, choraba. E choraban! E había iso de berrar máis que agora. Que agora todo o mundo chora, pero chora embaixo caladamente. Pero despois aínda cando marchaba o defunto… saían polas ventás! A berros! A berros! Pero a moitos doíalles oh! Tamén agora doe, e mais non se chora. Porque o aguantas, pero despois non estás berrando. Pero iso tamén se facía nas vodas cando marchaba a noiva da casa. “Ai que nos abandonas!” E saía a xente polas ventás coma se saíra o morto, era máis esaxerada que agora.
C: Se a noiva estaba gardando o loito, casábase de negro?
MC: As mulleres podíanse casar co loito, mullere. E seguían toda a vida, e xa quedaban ca roupa negra! Daquela casábamos todas de negro. Había quen non. E sabes eu que levei o día que me casei? Un vestido floreadiño de azul e negro. E despois tamén un abrigo negro. Pero roupa boa eh! E o de Josefa de Ché era o vestido e o abrigo negro tamén.
C: Canto duraba o velorio?
MC: O velorio duraba unha noite e durmíase co morto e quedaba xente de fora cunha botella de caña e un café no medio da noite. E despois cando xa había tanatorios, pasábase a noite co morto alí, e foi así ata a pandemia. Pero antes estábase toda a noite. Os da casa, todos. Os fillos, sempre, todos. Pero despois tamén quedaba xente de fora. E nas casas, cando se velaba nas casas e viña xente de fora, quedaban polos alprendes e durmían. Pero os da familia tiñan que estar ao lado. E se non fose polo da pandemia aínda se seguía facendo. Máis ou menos ata o 2000 velábanse na casa, a partir de aí tiña que ser no tanatorio.
Cores escuras como o marrón considerábanse cores do loito ou sómente o negro?
Non, o negro. O marrón non se usaba. Usábase xa no alivio.
C: Limitábase a vida social durante o loito?
MC: Ai! Nos bailes nunca andaban de loito eh! Nada eh! Tampouco as romarías, pero si as feiras. As romarías se ían, ían de ofrecemento, si. Pero non para estar na romaría. Acordo eu que aínda Raúl do Regho falaba aí con Chucha de Mariano que estaba de loito polo irmán. E había baile no cruceiro, nun salón que había. E despois eu, que era una nena, e máis Julia fomos para o baile. E despois Chucha quedou comigo falando con Raúl que estaba na taberna que estaba diante do salón. Co cal o home non podía ir ao baile pero si podía ir a taberna. A muller xa non ía a taberna aínda que non estivese de loito.
Aínda que acabase o ano de loito e pasasen ao alivio, non podían ir ás festas. Mentres que non se acababa, non se ía. O alivio incluído. De alivio non ían ao baile. E o alivio serían tres anos, os mozos, que as vellas se cadra xa botaban toda a vida co loito, andaban todas de negro anque xa pasaran os anos. Anos e anos estaban.
C: Herdábase a roupa de loito?
MC: Ademais de tinguila tamén se compraba. Pero herdar non. Non, non. A roupa aquí nas aldeas gastábase. Non se compraba roupa ata que non valía. Non quedaba roupa nova.
C: Como era o enterro?
MC: O enterro era unha cousa como agora. Non cambiou moito. Íase polos camiños, que non había nin estradas nin coches. Levábase desde a casa, e cando pasaba enterro pola casa, saías e poñíaste de xeonllos coas mans erguidas.
Aquí camiños para os propios enterros non os había. Os enterros viñan polo camiño da misa. Polos camiños que había. Pero normalmente había camiños que eran para a misa, sempre. Sendeiros, non sabes? Carreiros. Camiños de misa. Normalmente ían polos carreiros.
C: E so se usaban para a misa?
MC: Para todo. E acórdome eu, porque algo había de habere, que cando se enterrou a tía Genara de Lexas, non foi por riba, polo camiño da misa, foi pola corredoira. E nos cruces dos camiños a xente rezaba e botaba unhas oracións.
C: Coñecedes a romaría de Santo Cristo da Agonía de Xende na Lama, Pontevedra ? Hai algunha equivalente aquí?
MC: Si, aquí desas non había. Aquí íase andando e de xeonllos como ofrecemento. Aquí temos a Virxe dos Milagres de Caión. Que tiña unha costa así en pendente! E subían e baixaban a costa de xeonllos e a redor da capela tamén. A miña avoa, cando meu avó estivo na guerra, ofreceuse a que si viña vivo ía de xeonllos desde aquí da casa (NT: lugar Campo da Porta, A Laracha) ata os Milagres de Caión. E desfixera os xeonllos todos, e despois fórallo confesar ao cura, e dixéralle o cura á muller “Dios non pide cousas imposibles!”. Dolores, a que se casou con tres homes.
C: Se a unha Muller lle morría o home e se volvía a casar estaba mal visto?
MC: Pois, había persoas que eran formais e casábanse e non pasaba nada. Non estaba mal visto, pois como tal o home morría cedo e ela era nova e casábase con outro e non pasaba nada.
C: En canto a todas estas costumes, ensinábachas a túa nai?
MC: Non, non. Víaas. Tiña unha avoa moi relixiosa. Mamá era relixiosa pero non rezaba tanto. Eu son relixiosa pero antes non podía ir tanto a misa como agora. E mamá tamén ía, pero se cadra eu había veces que eu tiña que ir á feira, ou traballos que había que facer e se non podía ir, non ía. Pero a mamá gustáballe ir ao rosario cando había rosario.
C: Cal era a roupa que levabas a diario?
MC: Andabamos como podiamos, cun ghersé vello, unha saia e un mandil sempre. E roupa vella chea de remendos, e para ir a misa si que non iamos así. A roupa era ruín, e había pouca. Non tiñamos abrigo. Porque había roupa ruín, pouquiña roupa. Uns aghaliños de peluxa, de nada. Non eran nada. E para ir a feira e á misa, tamén. Era unha roupa ruín. Moi ruín! Poñía unha chaqueta de lá se a había. Chaquetas ruíns, cousa pouca. Lavabamos unha blusiña así redondiña no pescozo e fruncida nas mangas. Levabamos saia, si, e cun mandil. Levabamos unhas medias ata o xeonllo cunhas ligas. Medias que eran de cristal, delgadiñas moi transparentes, e logo rachaban, e levabámolas a cosere. E por debaixo da saia tamén levabamos o viso, que despois chamóuselle combinación. Antes dicían ao primeiro que vestían unhas camisas. E eran como uns visos pero eran pechadas todo de arredor, tiña unha pouquiña manga. E despois as combinacións ao primeiro eran como os visos de ghénero, non era de nylon. E por riba levábase o xustillo. Eu nunca xustillo tiven. Eu tiña sostén e poñíanse as pezas e despois detrás tiña unhas amarrada no final, e amarrábalas para diante para que non se che alongase o sostén. E nada máis. Si que levabamos bragas. Bragas había que levar. Isto antes de nacer meu fillo (NT: finais da década de 1950), despois xa as cousiñas empezaron a ir mellor. A roupiña xa era roupiña algo mellore.
O home sempre levaba unha chaqueta e un pantalón. Se cadra era unha chaqueta de pana amarela e levaba esa marca negra. O home levaba cor nas chaquetas. Tamén podían ser grises.
18 de decembro de 2024